Por que a hostelería?
O turismo é un fenómeno económico de importancia estratéxica crecente na economía mundial.
España non é allea a este crecemento. Desde mediados dos sesenta, é un dos primeiros destinos turísticos a nivel internacional. Hoxe é o segundo país que máis turistas recibe no mundo. No 2018, preto de 87 millóns de persoas visitárono. Xera 2,5 millóns de empregos, o 15,7% no sector servizos. É o 11,8% do produto interior bruto (PIB). Son datos do Instituto de Estudios Turísticos (IET) que reflicten o grande esforzo que o sector turístico español fai para ofrecer bos e diversificados servizos e produtos turísticos.
O sector hostaleiro debe ser máis competitivo e global ao atender aos cambios sociolóxicos e novos hábitos de vida da sociedade e contribuír ao crecemento económico do país. Numerosas cadeas nacionais apostaron pola internacionalización e están presentes en países de Asia, América e África, onde se converteron en referentes do sector turístico.
O sector está vivindo unha importante transformación nos últimos anos debido a procesos de concentración empresarial, ao crecemento das marcas consolidadas mediante a creación de franquías, á internacionalización, á entrada de investidores estranxeiros e a pandemia da COVID 19, que achegan unha serie de cambios que fan que a empresa necesite información máis actualizada e mellores profesionais.
O CSHG é consciente tanto desta transformación como do proceso de internacionalización. Xa que logo, a súa misión é clara e obxectiva: a achega de profesionais cualificados que respondan eficazmente á demanda do sector.
Desenvolvemento profesional
A calidade ou a excelencia do servizo eran aspectos que estaban en segundo plano en España ata que nos anos 90 do século pasado houbo un troco de rumbo non só no sector privado, senón tamén nas institucións. Os tempos cambiaron e a clientela é cada vez máis exixente, o que obriga a mellorar a formación para crear profesionais máis cualificados.
Hoxe a evolución do turismo camiña cara a sustentabilidade e cara a procura da excelencia, establecendo un vínculo de satisfacción entre o turista e os recursos turísticos da comunidade dunha maneira recíproca.
Este é un obxectivo preferente para o CSHG.