nwcshg

Xunta de Galicia

Información para os antigos alumnos e alumnos sobre o acceso ao grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira

ARGUMENTARIO GRAO /  FAQs-  12 xullo 2021
 
1. Que é o ECTS? (European Credit Transfer System)
O Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) creouse para incrementar a transparencia dos sistemas educativos e a mellora da mobilidade dos estudantes a través de Europa mediante a transferencia de créditos. Está baseado na asunción xeral de que o traballo do estudante nun ano académico é igual a 60 créditos. Os 60 créditos son asignados a unidades de curso para describir a proporción de traballo do estudante, necesaria para lograr os resultados da aprendizaxe das citadas unidades. 
 
2. Como se denomina o título de grao do CSHG?
É o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras (dual) pola Universidade de Santiago de Compostela, que incorpora dúas mencións, tal e como indica a súa denominación. O plan de estudos ten unha duración de 4 anos e 240  ECTS.
 
3. Que vinculación ten o Centro Superior de Hostalería de Galicia ( CSHG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC)?
O CSHG é o centro responsable da impartición do Grao e é un centro adscrito á USC. Os alumnos/ as teñen á súa disposición as instalacións do amplo campus do Centro, e como estudantes da USC, en xeral, acceso aos servizos e instalacións da universidade. 
 
4. Cando van entrar en vigor os novos plans de estudo do grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hostaleira?
Sempre que o proceso de verificación sexa positivo, a data prevista de inicio do grao será no curso 2022-23, impartindo tanto o 1º curso como o 2º curso, tal e como expón a memoria, e en anos académicos posteriores os restantes cursos. En todo caso, requirirase a aprobación definitiva dentro do proceso de verificación.
 
5. Que pasa cos estudantes que están a estudar ou estudaron o Diploma Superior en Xestión Hoteleira?
Os alumnos que están a estudar poderán continuar cos seus estudos, xa que o  CSHG garante a impartición do Diploma Superior ata a finalización da súa formación, que coincidirá á súa vez coa extinción do título e a súa substitución polo grao. Especificamente a memoria de grao contempla que o alumnado que inicie estudos do Diploma Superior no curso 2021-22 accedería ao segundo curso do grao no 2022-23.
 
Tanto os actuais alumnos como os xa egresados de Diploma Superior, unha vez obtida dita titulación, deberán cursar o que se estipule no proceso de adaptación ao grao para a súa consecución. A memoria actual contempla unha serie de requisitos, pero os definitivos serán definidos polos entes universitarios responsables do proceso de verificación do título (Axencia de Calidade).
 
6. Que pasa cos estudantes que estudaron o Diploma en Xestión Hoteleira ou Gran Diploma en Dirección e Xestión Hoteleira, antigos títulos propios?
Dispoñerán de 3 anos, a partir do inicio do curso 2021-22, para poder cursar aquelas adaptacións ao Diploma Superior que lles permita obter dita titulación, con anterioridade á súa extinción. A partir dese momento estarán en disposición de optar a realizar posteriormente a adaptación correspondente ao grao para a súa consecución.
 
7. Por que o Diploma de Gastronomía non se converte en grao?
A nova titulación de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras integra esta titulación (que en todo caso non é un título propio), que tamén se extinguirá, ao estar estruturada en dúas mencións claramente indicadas na súa denominación.
 
8. Que vantaxes supoñerá a titulación de grao?
Entre outras:
o Adquirir unha formación teórico-práctica actualizada, cun formato de formación dual e prácticas en empresas todos os cursos, que facilitan o contacto continuo co mundo empresarial.
o Acceso a bolsas do MEC durante os estudos.
o Dispoñer dunha titulación universitaria oficial, con recoñecemento nacional e europeo.
o Posibilidade de continuar cursando posteriormente outras titulacións oficiais, como másteres e doutoramentos.
o Opción a continuar outros estudos universitarios en países dentro do Espazo Europeo de Educación Superior, que recoñecen a formación de carácter oficial.
o Seguir posibilitando perfís profesionais, aceptados e demandados polas empresas do sector turístico, especialmente gastronómico e hostaleiro.
o Alta taxa de inserción laboral no sector. 
 
9. Podo validar materias do título propio noutras titulacións de grao?
Segundo a normativa universitaria vixente, un título propio pode ver recoñecido ata un 15% dos créditos ECTS nunha titulación oficial (36  ECTS). En próxima normativa universitaria, pendente aínda de aprobación, podería ser posible que a porcentaxe alcance o 25%.
 
10. Haberá unha variación nos prezos cando se implante o grao?
A titulación de grao terá un prezo de matrícula específico, ao tratarse dunha nova titulación, que incluirá os dereitos de matrícula e académicos de cada curso así como o uso das instalacións do  CSHG e da USC.
 
Para calquera información adicional, poden dirixirse ao departamento Coordinación Académica ( Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ) ou de Marketing ( Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ).  
Tlf: 981.54.25.19   
Vostede está aquí: Inicio CSHG Novas Información para os antigos alumnos e alumnos sobre o acceso ao grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira