nwcshg

Xunta de Galicia

O CSHG organiza seis novos webinars en xuño do Plan da Xunta para o sector turístico e cultural

Céntranse en mellorar a xestión dixital, o márketing ou o coidado da voz e en ofrecer un novo relato das cidades e catedrais galegas.

Santiago, 20 de maio. A Consellería de Cultura e Turismo a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia ( CSHG), no marco do seu Plan de Formación Permanente do Sector, segue en xuño con seis accións formativas específicas en modalidade de teleformación co obxectivo de mellorar as competencias dos profesionais do sector turístico e cultural galego. A oferta céntrase na mellora das competencias en xestión dixital e márketing, o coidado da voz e no coñecemento dun novo relato para as cidades e catedrais galegas.

Do mesmo xeito que nas anteriores actividades formativas en liña que se puxeron en marcha por mor da crise provocada no sector turístico e cultural polo  COVID-19, a formación é gratuíta e poden participar todos os profesionais galegos, que deben inscribirse (para facelo só hai que picar en cada título do curso nesta nova e accédese a máis información e ao formulario de inscrición). Para máis datos, os interesados poden enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamar ao teléfono 690 70 46 18.

Os  webinars
1. Deseño da estratexia de posicionamento orgánico en buscadores para o sector turístico. Celébrase o martes e xoves, 2 e 4 de xuño respectivamente, ás 11 horas. Imparte Tirso Maldonado, consultor e especialista no negocio en liña e as tecnoloxías da información. Os participantes aprenderán a implementar un conxunto de estratexias e técnicas para mellorar a visibilidade da web do negocio e así facilitar que esta ocupe os primeiros postos nas procuras na internet.

2. Estratexia en redes sociais para xerar negocio. Celébrase o martes, 9 de xuño, ás 11 horas. De novo imparte Tirso Maldonado que ensinará a deseñar a estratexia de redes sociais máis adecuadas para cada negocio (o curso inclúe un manual básico), aprendendo a definir obxectivos, optimizar a súa presenza e a medir o seu impacto.

3. As arquitecturas de Deus. Novas visións das catedrais galegas. Celébrase o xoves, 11 de xuño, ás 11 horas. Imparte Paula Pita Galán, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en urbanismo e guía oficial de Galicia. A doutora Pita fará un percorrido polas catedrais galegas analizando as claves da súa arquitectura e explicando os últimos descubrimentos para crear unha canle de comunicación rigorosa entre o ámbito académico e a sociedade civil.

4. Medidas de coidado da voz nas profesións turísticas. Celébrase o martes, 16 de xuño, ás 17 horas. Imparte Paloma Rico Cantillo, logopeda con máis de 10 anos de experiencia en hospitais que traballa na Unidade de Voz do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Centro Hospitalario da Universidade de Santiago de Compostela. Desde a súa experiencia axudará aos participantes a que sexan conscientes dos mecanismos da produción vocal normal e a ter unha boa hixiene para evitar perdas de voz.

5. Técnicas vogais para o coidado da voz nas profesións turísticas. Celébrase o xoves, 18 de xuño, ás 17 horas. De novo, imparte Paloma Rico Cantillo que ofrecerá aos profesionais (principalmente guías) ferramentas para evitar trastornos vocais que proveñan do mal uso ou abuso da voz no desempeño da súa profesión.

6. Descifrando a cidade. Un relato urbanístico das cidades galegas. Celébrase o martes, 23 de xuño, ás 11 horas. De novo imparte Paula Pita Galán, que explicará as principais claves de lectura da forma urbana e ensinará a recoñecer as características principais das cidades e vilas de Galicia vinculando urbanismo, historia e tradición.

Vostede está aquí: Inicio CSHG Novas O CSHG organiza seis novos webinars en xuño do Plan da Xunta para o sector turístico e cultural