nwcshg

Xunta de Galicia

Preto de 3000 profesionais do turismo xa participaron no plan de teleformación da Xunta organizado polo CSHG

Amplíase a formación con novos cursos, catro deles de inglés.

Santiago, 5 de maio. O plan de teleformación para o sector turístico posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de contribuír á mellora das competencias dos traballadores suma xa preto de 3.000 participantes. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve online no marco do Plan de Reactivación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que acumula máis de 3.600 horas de formación.

Este plan de teleformación, que arrancou o pasado mes de marzo, conta coa participación de especialistas que combinan faladoiros en directo con material e actividades de avaliación. Os cursos están dirixidos a profesionais das distintas actividades do sector turístico, como empregados na área da hostalaría e a restauración, axencias de viaxes ou guías turísticos, e teñen como obxectivo mellorar as súas competencias en áreas como os idiomas, o márketing ou a xestión dixital.

Para as próximas semanas están previstas sete novas sesións gratuítas que inclúen unha mesa de debate e seis webinars. Todos os interesados poderán inscribirse e obter información sobre os mesmos a través da web de Turismo de Galicia. A primeira cita, na que aínda é posible inscribirse, terá lugar o xoves 7 de maio e consistirá nunha mesa de debate centrada na introdución a Axenda de 2030, así como a súa implementación nas empresas turísticas.

Novas profesións e estratexias de negocio
O martes 12 de maio será a quenda de Beatriz Estévez, profesora de Lexislación no CSHG e compliance officer –unha figura cada vez máis presente nas empresas e que se encarga da vixiar o cumprimento da normativa vixente– que conta con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da docencia e que afondará nas claves do compliance e en como se pode implementar nas empresas turísticas. Esta sesión, que se celebrará ás 11,00 horas, ten un aforo máximo de 150 persoas e aínda é posible inscribirse.

O 14 de maio terá lugar webinar centrado no funcionamento, viabilidade e comercialización de produtos turísticos en distintas plataformas (inscrición aberta) e o día 19 os profesionais poderán participar noutra sesión sobre estratexias de preparación hoteleira e hostalaría para a reapertura, impartido por Jesús Rodríguez Maseda, director de Xestión de Activos Hostaleiros en Horwath HTL. Trátase dunha actividade que ten como obxectivo dar as ferramentas necesarias para realizar unha eficiente configuración da apertura despois da crise sanitaria e na que poderán participar un máximo de 200 persoas. A cita empezará ás 11,00 horas (inscrición aberta).

A oferta formativa complétase con outras tres sesións. Dúas delas centradas no deseño da estratexia de posicionamento orgánico en buscadores que se celebrarán o 26 e o 28 de maio e outra sobre estratexias de negocio en redes sociais, o próximo 9 de xuño.

Máis de 100 novas prazas
A oferta de cursos dispoñibles amplíase con novas iniciativas en idiomas. Concretamente, ofreceranse un total de 100 prazas en catro cursos de inglés para o turismo que se desenvolverán online en colaboración co Centro Británico. Trátase dun curso de inglés de atención telefónica en negocios turísticos, outro de redacción nunha contorna profesional, outro de atención ao público en negocios turísticos (inscrición aberta) e, finalmente, outro de turismo internacional (inscrición aberta). Son cursos con temáticas específicas entre os niveis B1 e B2.

Cada unha destas accións formativas terá 25 prazas e ofrecerán 26 horas de certificación, incluíndo videotitorías en pequeno grupo. O prazo de inscrición xa está aberto e o acceso será por orde de inscrición previa verificación dos requisitos e proba de nivel.

Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo ofrece tamén 100 prazas para exame de certificación GESE 5-9 Trinity College, certificación oficial de niveis B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia Lingüística. Inclúe o exame, así como clases online de orientación sobre o desenvolvemento da proba. Está previsto que os exames teñan lugar no CSHG o vindeiro outono e as persoas aspirantes deberán aboar 25€ en materia de dereitos de exame, xa que a Consellería de Cultura e Turismo asumirá o 70% dos custos deste exame. A admisión será por orde de inscrición aberta, previa verificación dos requisitos previa á formalización da matrícula na web do Trinity College.

Debate Ribeira Sacra
O 26 de maio ás 11 horas celébrase unha mesa debate sobre a Ribeira Sacra, da paisaxe cultural ao recruso turístico orientado a guías e profesionais do sector cultural interesados nesta zona de Lugo (inscrición aberta). Modera Mª Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural e participan Ana Goy Diz, catedrática da área de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC)
, J. Antonio Naveira Seoane, xefe do servizo de inventario da Dirección Xeral do patrimonio cultural
, J. Mario Crecente Maseda, director de Crecente Asociados 
e Manuel Mª Chaín Pérez, subdirector de conservación e restauración de bens culturais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
 
Os temas que se abordarán son a xestión e uso turístico sostible dunha paisaxe cultural, os bens e os valores do patrimonio cultural nunha paisaxe, a xestión sectorial dunha paisaxe cultural e a conservación do patrimonio cultural.

Plan de reactivación
Cómpre destacar que o plan de teleformación para o sector turístico enmárcase nas medidas postas en marcha polo Goberno autonómico dentro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 que se aprobou na última sesión do Consello da Xunta. Trátase dunha folla de ruta dotada con 27 millóns de euros que contempla 47 medidas centradas no emprego, a liquidez e o consumo nestes dous sectores claves para Galicia.

Vostede está aquí: Inicio CSHG Novas Preto de 3000 profesionais do turismo xa participaron no plan de teleformación da Xunta organizado polo CSHG